DIVULGAMOS - A experiencia de novas e novos entrantes

Dentro da estratexia de comunicación e divulgación do noso proxecto, unha parte importante é a de facer ver que converterse nun novo entrante é viable e que hai moitas experiencias que nos poden servir de exemplo e inspiración á hora de tomar a nosa decisión. 

En Terractiva traballamos para poder dar voz ás persoas que xa pasaron a experiencia de se incorporar con todas as súas consecuencias, dificultades e vantaxes - tamén-, e trasladar as súas mensaxes a todas aquelas persoas que as queirades escoitar.

Unha parte importante do noso plan de divulgación inclúe a elaboración de vídeos divulgativos, que preparamos con moito agarimo. A raíz das entrevistas que realizamos na primeira metade de ano, decidimos inmortalizar algunhas das respostar obtidas para poder volas trasladar neses vídeos. Para iso, contamos coa axuda de Transmedia Comunicación, inda que seguro vos sone máis a revista de vacún leiteiro que editan, Vaca Pinta. 

No noso plan está elaborar catro vídeos relacionados cos resultados do noso traballo durante estes dous anos, para facer máis comprensible o noso proxecto e achegar doutra maneira a vós todo o que estamos a facer. As entrevistas que realizamos contan así con unha doble funcinalidade: por un lado, a de analizar máis en profundidade a experiencia dos novos entrantes en Galicia que se puxeron en contacto con nós e, por outro, motivar ou sensibilizar a futuros novos entrantes no sector e persoas interesadas nestes perfis. Non podemos recoller todas as respostas para todas as preguntas da extensísima entrevista que fixemos, e moito menos de todas as persoas ás que entrevistamos, pero quedarán gravadas esa parte que servirá para facervos unha idea. 

Queremos agradecer a todas as persoas que nos concederon un momento nos seus apretados días para poder levar as cámaras e os micrófonos aos seus postos de traballo. En moitas ocasións, o traballo do campo é estacional e hai picos que non permiten compaxinarse con nada máis. Tamén hai outras épocas en que o tempo non permite moverse da casa (inda que haxa que facelo igualmente), ou días nos que os animais tampouco se queren mover e os cultivos non están moi lustrosos. A pesar de todo isto, os nosos novos entrantes sempre estiveron dispostos e dispostas a abrirnos as portas das súas granxas!

Agora estamos desexando que vexades os resultados!