EXPERIENCIAS INSPIRADORAS - Escocia

No anterior artigo presentabámosvos a iniciativa Terre de Liens, en Francia, un país que, como tamén comentamos, conta cunha forte tradición de protección da terra e a actividade agropecuaria. 

En Escocia, pola súa banda, nace no ano 2019 o Scottish Land Matching Service (SLMS), un servizo gratuíto impulsado por trece organizacións vencelladas ao sector agrario e á xestión de terras, con moitos paralelismos coa anterior. Esta iniciativa xorde, de novo, a raíz da falta de oportunidades para os novos entrantes en relación á terra e ao financiamento. A súa plataforma funciona coma un banco de oportunidades, xa que inclúen tanto oferta de terras como demanda das persoas que desexan comezar unha actividade nun espazo determinado. Inclúe tamén un servizo de asesoramento e acompañamento personalizado para escoller, formalizar e desenvolver acordos sobre as terras e explotacións agrarias que mellor se adapten ás partes interesadas, é dicir, oferentes e demandantes.  

 

Portal de oportunidades da SLMS.

Unha das organizacións impulsoras do SLMS é a Scottish Land Comission, especializada no impulso e mellora dos arrendamentos agrarios e que presta especial atención na oferta dos seus servizos aos novos entrantes. Esta organización ten elaborado diversas guías para aumentar a dispoñibilidade e accesibilidade á terra para novos entrantes, así como de orientación práctica para o desenvolvemento de modelos de empresas conxuntas. 

Portada da Scottish Land Comission.

Outro dos membros que impulsan o SLMS é o Servizo de aconsellamento agrario de Escocia, que conta cunha importante liña de acción centrada no apoio aos novos entrantes. Ademais dun servizo integral de titoración e acompañamento mediante un programa de mentorización, o FAS tamén conta con vídeos e outro material divulgativo audiovisual con recomendacións moi prácticas para o acceso á terra.

Portada da FAS.