EXPERIENCIAS INSPIRADORAS - Terre de Liens en Francia

Nos últimos anos, as problemáticas vencelladas ao acceso á terra agraria teñen gañado atención no contexto europeo. Tanto a nivel local coma a escalas máis amplas, estanse a desenvolver iniciativas para a súa resolución . Inicialmente impulsadas maioritariamente por organizacións non gobernamentais e, especialmente nos últimos anos, tamén por parte das Administración Públicas de diversos países europeos, mesmo no marco da Política Agraria Común (PAC). Repasaremos algunhas desas iniciativas, que para nós son interesantes e moi inspiradoras. 

No contexto europeo, a Rede ACCESSTOLAND (European network of grassroots organisations securing land for agroecological farming) é a iniciativa máis significativa, que ten como finalidade reunir ás organizacións de toda Europa, co fin de compartir experiencias e concienciar sobre a importancia do acceso á terra tanto para a transición agroecolóxica como para o relevo xeracional. Esta rede estableceuse en 2012 como unha rede informal e conta con 15 organizacións entre os seus membros. ACCESSTOLAND ten elaborado diversos materiais con recomendacións e exemplos de ferramentas para o apoio no acceso á terra. 

En España, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación impulsou o Grupo Focal sobre Acceso á Terra no marco da elaboración do Plan Estratéxico da PAC 2021-2027, recoñecendo a importancia do acceso á terra, en particular por eses colectivos, no futuro do sector.  

Extracto da páxina 14 do resumo do PEPAC.

Ademais, cada país ten deseñado as súas propias ferramentas, tentando dar resposta ás diferentes realidades relacionadas co agro. 

Francia caracterízase por unha tradición robusta de protección e xestión da terra agropecuaria, dentro da cal se inclúen diferentes mecanismos e ferramentas para apoiar aos agricultores, existentes ou novos, no acceso á terra. Se ben moitos deses mecanismos aséntanse en marcos institucionais, legais e técnicos, algúns deles serven de inspiración para o noso proxecto.  

Un proxecto inspirador para Terractiva, así como para todas as entidades que se dediquen ao apoio a NE, é o chamado Terre de Liens (https://terredeliens.org/). Este proxecto defínese como unha asociación cívica que permite adquirir terras agrícolas para instalar unha nova xeración de agricultores en granxas ecolóxicas, impulsando o vínculo entre agricultores e cidadáns, ao tempo que fomentan a biodiversidade e a conservación do solo. Formada por 19 asociacións en todo o territorio, u as das súas actividades principais é o apoio a proxectos de adquisición de terras e de atracción de novos agricultores: identificación de terras por parte dos cidadáns, acollida e asesoramento de futuros agricultores no acceso á terra, apoio a proxectos colectivos e cívicos de adquisición de terras (como distintos tipos de agrupacións agrarias), exame e validación previa dos expedientes de adquisición de fincas por parte de Terre de Liens, seguimento das fincas adquiridas, organización de grupos locais de apoio ás explotacións.  

 

Portada de Terre de Liens.

Na actualidade a Federación no seu conxunto conta con máis de 38.000 membros e ten adquirido máis de 8.000 hectáreas de terra agraria que dispoñibiliza para novos agricultores en máis de 300 explotacións. Tamén conta con 1.200 voluntarios que participan en diferentes actividades, incluído o apoio aos novos agricultores.  

Visor do portal Terre de Liens no que se mostran as granxas con terras dispoñibles, para transmisión ou apoio económico.

A adquisición de terras faise por medio dun fondo de terra (La Foncière Terre de Liens), que conta co seu capital formado polos achegas de cidadáns e institucións privadas (diferentes tipos de doazóns, mecenazgos, etc.) que optan por investir no proxecto. Tódalas adquisicións quedan suxeitas ao compromiso de manter o uso agrario no longo prazo e de asegurar unhas prácticas agroambientais determinadas. As terras non se volven a vender, permanecen na Foncière, e chégase a acordos de cesión cos novos agricultores. 

En base a toda a experiencia acumulada, Terre de Liens ten elaborado e actualizado a guía ‘Trouver une terre pour mon projet agricole (Atopar unha terra para o meu proxecto agrícola), dedicada tanto a novos entrantes como as entidades que os acompañan. A guía persigue axudar á persoa co proxecto de incorporación a estruturar a busca de terreos; avaliar a idoneidade dos terreos atopados para o proxecto de instalación; considerar as condicións de alugueiro ou compra deses terreos; tanto ofrecendo metodoloxías como referencias. Este recurso, xunto con outros dispoñibles no portal web de Terre de Liens, é de gran inspiración para aquelas entidades que apoien a novos entrantes, aínda sendo conscientes de que se desenvolve para o marco francés.  

 

Extracto da guía de Terre de Liens. Para descargala, preme en "Télécharger la ressource" da ligazón anterior.