EXPERIENCIAS INSPIRADORAS - Land Mobility Service en Irlanda

Este artigo forma parte da serie de experiencias inspiradoras que veñen servindo ao noso grupo na creación de ferramentas para facilitar o acceso á terra a novas e novos entrantes. Neste caso centrámonos nun dos servizos máis populares irlandeses de facilitación de acceso a terras para o desenvolvemento de proxectos agrarios. Descobre outros modelos neste artigo da plataforma francesa Terre de Liens ou nestoutro do Scottish Land Matching Service. 

En Irlanda, o Land Mobility Service (LMS) funciona esencialmente coma un servizo de facilitación e mediación para a transferencia de terras e/ou de explotacións, o impulso de fórmulas colaborativas entre persoas agricultoras cedentes e novos/as entrantes, ou entre varias agricultoras, así como de asesoramento de persoas agricultoras en proceso de xubilación. Autodefínese coma un servizo de apoio confidencial que permite ás persoas agricultoras que están pensando ben na expansión, no cambio de sector ou ben en retirarse, explorar as opcións sobre que facer coas súas terras/explotacións. Tamén axuda a conectar esta potencial oferta coa demanda. 

O Land Mobility Service é unha iniciativa de Macra na Feirme, a asociación de mozos e mozas rurais de Irlanda, co respaldo financeiro de FBD Trust, a principal aseguradora no eido agrario en Irlanda, e que foi creado con carácter piloto no 2015 nun ámbito xeográfico reducido. Nos últimos anos consolidouse e foi gañando apoio doutras organizacións do eido agrario e rural (incluíndo o Departamento de Agricultura e industria agroalimentaria, asociacións agrarias sectoriais, o TEAGASC, entre outros). 

O servizo conta na actualidade con tres facilitadores, que se ocupan de identificar e mediar en diferentes tipos de acordos que implican a transferencia de explotacións e/ou terras ou a creación de novas fórmulas colaborativas para a súa xestión.  

Resaltan o rol de ‘mediación imparcial’ para que todas as partes se sintan respectadas, e en particular as persoas propietarias da terra e das explotacións. A finalidade do servizo é, segundo o propio LMS, “facilitar acordos de colaboración adaptados a cada situación específica. Estes arranxos poden ser tan sinxelos ou tan complexos como se desexe. Deben ser viables para todas as partes implicadas e poden estar dentro ou fóra da familia ou unha combinación de ambas. En moitos casos prevese que os arranxos evolucionarán co paso do tempo, para axudar a desenvolver explotacións agrícolas dinámicas, progresivas e rendibles”. 

Tal e como se recolle na seguinte imaxe, o proceso de facilitación e apoio que segue comprende as seguintes fases:

1. Concienciación sobre o servizo dos potenciais interesados/usuarios

2. Recepción e categorización de solicitudes e asignación dun dos técnicos facilitadores

3. Explicación do servizo ao interesado,

4. Acordo de colaboración co SLM e exploración das opcións existentes para o caso particular (neste momento aplícase unha tarifa de unión ao servizo)

5. Identificación de novas e novos entrantes e guiado no proceso de selección para ambas partes, dun xeito confidencial, así como esbozo do plan de xestión

6. Formalización legal dos acordos

7. Apoio na implantación dos acordos e plan de xestión. 

 

Fonte: https://landmobility.ie/wp-content/uploads/2023/01/Land-Mobility-Booklet-2023-FINAL.pdf

O LMS  identifica e analiza, para cada caso, diferentes tipos de arranxos colaborativos ou de cesión das explotacións. Deste xeito exploran coas partes interesadas que modelos se axeitan mellor ás súas expectativas, situación persoal, obxectivos e recursos. En concreto, de partida contemplan cinco tipos de arranxos posibles:   

  • Arrendamento a longo prazo: o propietario da pon a terra a disposición do arrendatario por un período prolongado. 
  • Cría por contrato: un propietario libera terra para o dono do animal. 
  • Agricultura compartida: propietario e agricultor comparten cultivo no mesmo terreo, chegando a un acordo mutuo de como se vai a cultivar, quen proporciona os insumos e a man de obra e como se divide a produción. 
  • Muxido compartido: arranxos específicos para as granxas de vacún de leite. 
  • Asociacións: onde dúas ou máis persoas se unen para a actividade agraria. 

Na súa web poden atoparse anuncios tanto de oferta como de demanda de explotacións, indicando o tipo de acordo proposto, articulados a través do Irish Farmers Journal (tamén impulsado por Macra na Feirme), punto de información principal para ditos anuncios. 

Ademais, recolle exemplos de casos de éxito a modo inspirador así como unha serie de materiais divulgativos relevantes para os procesos de transferencia en Irlanda. 

Por outra banda, o LMS xunto con outros parceiros europeos desenvolveu o proxecto LandMobility.EU, onde se poden atopar materiais formativos para o apoio ao emprendemento agrario.