Onde atopar exemplos de novas e novos entrantes?

De chegar ata aquí, probablemente teñas unha idea xa de quen son as persoas novas entrantes (preme aquí para máis info)... ou saberás algo de a que nos estamos dedicando neste proxecto. Se non é así, sempre podes obter máis información consultando as nosas anteriores publicacións e as referencias que nelas damos.  

Pícache algo máis a curiosidade? Pois hoxe traemos algunhas plataformas onde atopar persoas novas entrantes no sector agrario de fóra do territorio galego. Por se queres saber algo máis do “que se coce” aí fóra.

Parte do traballo do grupo operativo inclúe a documentación de iniciativas inspiradoras, con moita máis información e referencias das que aquí vos propoñemos. Mentres non publiquemos a documentación final... aquí vai outro adianto. 

Newbie é un proxecto a nivel internacional que congrega novas en novos agricultores con herdeiros e herdeiras, persoal técnico, entidades de apoio, persoal investigador e outras persoas interesadas  en toda Europa, buscando identificar, crear e difundir novos proxectos e aproximacións que poidan axudar a novas e novos entrantes en distintos ámbitos da súa carreira. A rede está conformada por grupos de diversos países: Alemaña, Bélxica, Bulgaria, Eslovenia, Francia, Irlanda, Países Baixos, Portugal e Reino Unido. Aquí podes consultar o mapa coas iniciativas ás que deron apoio dentro do proxecto.  

Visor de proxectos de Newbie

A Nature Friendly Farming Network conta con un directorio de productores e productoras ao longo de Reino Unido dentro dos cales podemos atopar dende persoas herdeiras de negocios familiares a novas entrantes.

Podes ler algúns exemplos de novas e novos entrantes neste exemplo ou neste outro

Exemplos da Nature Friendly Farming Network.

Terre de Liens é, como comentabamos anteriormente neste artigo, unha iniciativa de apoio a novas e novos entrantes en Francia, e a través da súa páxina web podedes tamén obter información (345 resultados) de proxectos nos que traballaron impulsando os proxectos de NE.  

Na páxina tedes mapeados todos estes exemplos.  

Algúns dos exemplos dos proxectos de Terre de Liens.

A Rede de Espazos Test Agrarios, coordinada a nivel estatal por Neus Monllor, é unha iniciativa que congrega distintos espazos onde se ofrece a oportunidade de probar o oficio agrícola a aquelas persoas que así o desexen, pero que non conten coas oportunidades suficientes para incorporarse. Así, ofrécese a posibilidade de cultivar ou xestionar unha superficie determinada, ferramentas formativas, instalacións, etc.durante un máximo de tres anos. Actualmente atopamos estes espazos en catro comunidades autónomas, pero a oportunidade que ofrecen fai que cada vez sexan máis os territorios nos cales se mostre interese nestas fórmulas. Aquí podes consultar o mapa dos distintos espazos no estado español, así como obter información das actividades que estan a desenvolver. Algún exemplo das inciativas que xurdiron destes espazos podes consultalo no artigo El Nuevo Campesinado: Contra una agricultura sin agricultores no 18º número da Revista Salvaje.  

Páxina inicial da web da Rede de Espazos Test Agrarios

Visor cos espazos proxectados e en funcionamento.

E que ocorre en Galicia?

Polo de agora non coñecemos un directorio con caracterísiticas coma as dos anteriores, polo que hai que traballar para, cando menos, crear unha rede de comunicación entre persoas novas entrantes, interesadas en coñecer as experiencias das anteriores. Isto é algo que moitas persoas reivindican, xa que en moitas ocasións, uns productores axudan a outros para abordar problemáticas comúns e atopar solucións moito máis rápido. Unha vez teñamos isto quizáis sexa posible conseguir crear un directorio de NE... pero iso xa terá que quedar para os obxectivos doutro proxecto!