Xornada coa SGPF - As actividades agro-gandeiras fronte aos incendios na montaña

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) puxo a atención durante a Xornada “As Actividades Agro-gandeiras fronte aos incendios na montaña” celebrada o 2 de decembro na Pobra do Brollón sobre os novos entrantes no rural galego. Este foi o motivo polo que tivemos a oportunidade de participar coa intervención de Quico Ónega, enxeñeiro técnico do Laboratorio do Territorio do Campus Terra da USC, que sintetizou de maneira moi didáctica cal é a definición de novo entrante e cal é a situación de novas e novos entrantes en Galicia.  

Cartel da xornada

A xornada estivo marcada pola presentación de diversas iniciativas arredor da recuperación de terras altamente aptas para o pastoreo, tanto a través de iniciativas individuais coma de montes veciñais en man común. Nestes últimos, a xestión do monte a través de actividades gandeiras está a impoñerse como a opción preferida para a prevención dos riscos de incendio, algo que se podería atallar a través da creación de faixas de pastoreo, do cal tamén tivemos a oportunidade de falar.  

A xornada comezou coa presentación do proxecto Terractiva, da man de Quico Ónega que ilustrou a situación a nivel global do sector agrogandeiro e de por que o papel dos novos e novas entrantes é tan importante para facer fronte ao reto demográfico e de sucesión ao que nos enfrontamos na titularidade das explotacións gandeiras a nivel galego e europeo. Algo que, a priori, para moitas persoas pode parecer que soamente nos afecta a nós, repítese en todo o territorio europeo e, a pesar de non ser unha situación favorable, podemos inspirarnos e crear sinerxias adoptando solucións noutras sociedades para abordar a situación na nosa comunidade.  

A situación en Galicia conta coas certas particularidades, coma o alto número de novos entrantes de xénero masculino, sendo a nivel europeo o feminino o que despunta; ou con figuras coma os montes veciñais en man común ou os non tan coñecidos montes de varas, que poden ser moi útiles para a xestión conxunta ou o acceso a terreos de maneira máis sinxela.  

A proposta de ferramentas para a mellora do acceso a estas terras foi moi ben acollida, pero os novos entrantes presentes na xornada apuntaron outras dificultades ás que se enfrontaron no seu proceso de incorporación, coma o acceso a unha vivenda próxima á explotación ou o exceso de burocracia.  

Quico Ónega ilustrando as actitudes preferidas por novas e novos entrantes.

Seguidamente foi o turno de Francisco López Villar, da Comunidade de Montes de Pinzás, en Tomiño, onde devolveron ao monte a actividade gandeira a través da recuperación de máis de 140 ha de pastos nun territorio, no cal a presión e competencia con outras actividades fai desta iniciativa algo inda máis valioso. Actualmente contan con unha persoa empregada para o cuidado dos animais, que son principalmente vacún de carne. Esta actividade vese complementada con outras coma as forestais e o aproveitamento micolóxico, que fan do seu monte un espazo multifuncional. Podedes saber máis e contactar con eles a través da súa páxina web.  

Marcos Ferreira, enxeñeiro de montes afincado no Courel, presentou a súa proposta de establemento de faixas de pastoreo para a protección dos Montes do Courel e da Pobra do Brollón fronte aos incendios. Estas faixas, propostas para varios MVMC da zona, espárcense ao longo dos montes funcionando como cortalumes e poderían ser empregados polos pastores e usuarios de cada un dos terreos. Ao mesmo tempo estarían unidas ao resto de pastizais que inda queden nos montes que percorren. Invita a plantexar estas faixas no resto de montes da comunidade como ferramenta de mellora da infraestrutura verde galega e da conectividade ecolóxica a múltiples niveis.  

A proposta de faixas nos cumios dos montes por Marcos Ferreiro.

Despois foi o turno de tres novos entrantes: Mariví Rodríguez, Roi Estévez e Alex Villa García. Crían cabras, ovellas e vacas cachenas respectivamente, todos no entorno do Courel, provintes de outros puntos de Galicia pero con un obxectivo común: facer da produción animal un futuro viable no rural galego.  

Mariví é produtora de cabrún de carne, algo bastante extraordinario nos perfís de mulleres novas entrantes na nosa comunidade, e relata que contou con moita axuda da SGPF para o seu asentamento, a pesar do duras que poden ser as cabras en moitas ocasións.  

A dureza da actividade foi tamén relatada por Roi de Vieiros, quen apostou polas ovellas coma unha vía de recuperación dos terreos lindeiros á súa casa tras os incendios que no ano 2022 deixaron a súa vila calcinada. 

Roi Estévez ao comezo da súa presentación.

Alex e o seu socio levan apenas nove meses incorporados á produción e inda que son moitas as situacións que quedan por experimentar, coma a posta á venda da futura produción. Vense moi optimistas pois, contan, xa venderon algún exemplar inda estando vivo.  

Durante a rolda de preguntas tras a presentación de Álex Villa. 

Nos tres casos, a axuda externa e de produtores e amigos e amigas que xa pasaron pola súa mesma situación, foi crucial para poder seguir o camiño axeitado, ao igual que para non tirala toalla cando o plan se torcía.  

Javier Carballo da granxa Fernandín mostrounos tamén o desastre ambiental que os incendios de 2022 supuxeron e como, a pesar de todo, a esperanza se pode manter grazas ao papel que os bosques de frondosas e os pastizais teñen para a prevención de protección fronte aos incendios. 

Como peche da xornada puidemos escoitar a Xosé Manuel Iglesias, asesor e técnico do MVMC de Carballo en Friol, descifrando a multifuncionalidade do monte a través de tódolos usos que se lle poden dar: dende usos produtivos como mel, setas, madeira, porco celta, etc., ata culturais, coma a celebración da rapa que cada ano atrae a máis curiosas e curiosos ata os montes de Carballo.  

Foron unhas xornadas moi construtivas, que nos permitiron corroborar a valentía dos novos entrantes cos que contamos en Galicia e tamén a grande labor que a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes está a facer en favor da produción animal extensiva, tan necesaria nas nosas fronteiras (e máis alá).  

Tamén podedes atopar máis información das xornadas na publicación de Campo Galego 

Debuxos realizados polos nenos de Vieiros representando o papel dos rumiantes na prevención de incendios.