Entrevistamos a Miguel Roig, un dos novos entrantes no sector agroalimentario cuxa experiencia estamos analizando dende TERRACTIVA. O proxecto do Grupo Operativo TERRACTIVA consta de varias fases entre as que destaca a caracterización de novos entrantes en Galicia, e a través da cal podemos acceder a proxectos coma este. Os Biosbardos: un proxecto de agricultura ecolóxica fundamentado na permacultura e que fornece unha rede de empresas sensibilizadas social e ambientalmente e a múltiples niveis.
Miguel é o que se define como un novo entrante no sector agroalimentario: alguén que, sen experiencia nin vinculación previa no sector, decidiu converter unha inquietude pola terra na súa profesión.
Desde 2018, Miguel dedícase por completo á permacultura creando un proxecto de horta ecolóxica ao aire libre e que, desde hai uns anos, complementa con produción en invernadoiro. Actualmente, cultiva unha ampla gama de plantas e variedades de comestibles que complementa con infinidade de actividades ligadas ás apenas 3 hectáreas de terra das que dispón en Cambre. Todos os seus productos pódense adquirir directamente nas leiras ou en diversos puntos de recollida na cidade de A Coruña e, ademais, os excedentes tamén se aproveitan grazas a múltiples colaboracións con empresas da zona. Miguel tamén conseguiu irrumpir na hostelaría e mesmo no proxecto de EcoComedores da man da asociación Mariñas-Betanzos .
A sensibilidade ambiental e as aspiracións sociais son algunhas das motivacións que caracterizan aos novos entrantes a nivel europeo. No caso de Miguel, isto tradúcese, entre outros, na creación dun espazo de encontro e aprendizaxe onde, ademáis, podemos beneficiarnos do consumo de alimentos saudables e respectuosos co medio. As súas "leiras e leiriños" son un lugar de conexión coa terra, unha aula ao aire libre onde poder acceder a múltiples actividades a un paso da cidade da Coruña.
A pesar de que os comezos non foron fáciles e das continuas probas e erros, Miguel contou coa axuda doutros produtores coma Millo en Landras que puideron guialo na produción agrícola. Nestes primeiros pasos tampoco lle faltou o apoio incondicional da súa familia. Despois da primeira fase de aprendizaxe e experimentación, agora é el quen trata de axudar a todas aquelas personas que se achegan a Os Biosbardos a través de programas de voluntariado ou mesmo de prácticas escolares.
Miguel di atoparse nunha “fase creativa de poda” porque as ideas ferven na súa cabeza e son moitos os proxectos en mente, pero hai que saber xestionalos.
En palabras do fundador de Os Biosbardos ,hai tres aspectos que son clave do traballo e que pon en práctica no seu día a día para asegurarse unha continuidade: a colaboración, a difusión e a innovación.