O sector agrario en Galicia, e ao igual que ocorre noutros contextos europeos, está a experimentar unha crise demográfica caracterizada en grande medida polo avellentamento das xefaturas de explotación e a escaseza de relevo para estas.
O declive demográfico na nosa rexión e o despoboamento son dous fenómenos que se extenden tamén a moitas áreas rurais europeas, o cal ademais está estreitamente relacionado coa emigración da poboación moza do rural ás zonas urbanas. As estatísticas oficiais confirman que o perfil máis habitual de emigrante rural en Galicia é o dunha persoa de entre 25 e 34 anos que opta por establecerse en concellos urbanos ou periurbanos do eixo atlántico con motivo de continuar cos seus estudos superiores. Ademais, estas persoas na súa maioría non retornan unha vez rematados estes. Para obter máis información ao respecto, podedes consultar a tese Factores determinantes da emigración rural da poboación moza en Galicia no século XXI. Ligazón de acceso.
Con este panorama non é dificil comprender que as xefaturas de explotación sexan cada vez menos e estean máis avellentadas. No caso de Galicia, as estatísticas mostran que un 48% das xefaturas de explotación no ano 2020 tiñan máis de 65 anos, e soamente un 6,6% destas, menos de 40. A seguinte figura demostra coma dende o ano 2015 esta tendencia non deixa de agravarse.
Figura 1. Evolución das xefaturas de explotación en Galicia entre 2010 e 2020.
O chamado Young Farmer Problem (YFP) popularizouse nos últimos anos na literatura para facer referencia en grande parte a esa problemática demográfica, ao mesmo tempo que á complexidade das barreiras que as persoas que se incorporan á agricultura enfrontan no seu proceso de integración no mesmo, e as cales as políticas actuais non conseguen contrarrestar. Anteriormente, o feito de que alguén nacera nunha granxa garantía en grande medida, e incluso bloqueaba no caso de terceiras persoas, o relevo xeracional. Nos últimos anos esta tendencia desvaneceuse e a sucesión é un dos maiores retos aos que se enfrontan as granxas europeas, agravado pola falta de financiación, a situación de contexto en cada granxa, etc. Tamén preocupa a competencia que nos últimos anos se está a dar entre os distintos usos do territorio, que dificultan inda máis o acceso á terra tanto das agricultoras activas coma das posibles incorporacións. Os casos de persoas entrantes ao sector agrario son, indiscutiblemente, unha oportunidade para o sector. Malia todo, poden estar comprometidas por mor doutros usos do solo, por exemplo limitándose a si mesmas a nivel xeográfico, priorizando a proximidade ás cidades en detrimento da posibilidade de dispoñer de máis superficie nas súas proximidades no medio-longo prazo.
O seguinte mapa fai referencia á distribución das persoas entrantes detectadas por Terractiva ata abril de 2023, segundo concellos. E como se reparten no territorio as persoas novas entrantes, tendo en conta que, segundo a literatura, son en moitos casos persoas con alta formación? Pertencerán ao grupo de persoas que, establecidas nesas cidades ás que emigraron, deciden emprender nun negocio no sector agrario? Serán persoas de orixe urbana que buscan emprender un negocio novo nun territorio rural e afastado do urbano? Ou pertencerán, pola contra, ao grupo daquelas que decide retornar ás súas orixes unha vez remata os seus estudos ou con xa experiencia noutro sector?
Figura 2. Número de NE detectadas por Concello no marco do GO Terractiva.
Xorden moitas preguntas por responder arredor deste fenómeno: será un factor favorable ao uso sustentable do territorio o feito de que as persoas novas entrantes se asenten en zonas periurbanas? Como afecta isto ao abandono ou retorno a espazos en territorios rurais? E en especial, ás zonas de montaña?