Que é TERRACTIVA?

O sector agrario galego enfróntase a un importante reto demográfico. No 2020 soamente o 8% dos xefes de explotación tiñan menos de 40 anos e o 54% destes tiñan máis de 60, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística. Ademais, o modelo clásico de relevo xeneracional intrafamiliar xa non é suficiente.

A incorporación dos chamados novos entrantes, persoas que se incorporan desde outro sector diferente ao da agricultura, é fundamental para o mantemento do tecido agrario a longo prazo tanto en Galicia coma no resto do territorio europeo.

Estes novos e novas entrantes carecen en moitas ocasións de coñecementos ou experiencia agraria, de terras, ou mesmo de conexións directas co medio rural, elementos críticos para iniciar unha actividade produtiva.

Terractiva é un grupo operativo que busca a mellora das capacidades técnicas e a xeración de recursos para potenciar o apoio aos novos entrantes no proceso de incorporación á agricultura. España precisa "redoblar os esforzos … para a redución dos obstáculos no sector" segundo a Comisión Europea. Os resultados serán de uso directo para aquelas entidades e persoas que os acompañan, como facilitadores e asesores durante a súa instalación (cooperativas agrarias, grupos de desenvolvemento rural, técnicos de emprego, oficinas agrarias comarcais, etc.). 

En concreto, elaboráranse directrices e un inventario de recursos legais, financieiros e técnicos para guiar aos novos entrantes no acceso a terras agrarias, incluíndo unha plataforma SIX-web con funcionalidades de búsqueda de terras e facilitación na intermediación a nivel local. Ademais, definiranse itinerarios tipo de incorporación, cunha guía de acción e un inventario de recursos dispoñibles para que as entidades de apoio acompañen de xeito integral aos novos entrantes.

Poñerase o foco en modelos agroecolóxicos de horta e ganadería extensiva, producións con alto potencial de crecemento en Galicia, contribuíndo así á súa sostibilidade e diversificación no contexto da estratexia da granxa a mesa e do futuro plan estratéxico da PAC.