Novas e novos entrantes. Que esconde este nome?

Probablemente non escoitárades a definición de novo ou nova entrante antes de saber do noso proxecto. Non vos preocupedes, a moitos de nós ocorreunos o mesmo!

Agora xa saberedes algo máis sobre este concepto, que se refire ás persoas que se incorporaron ao sector agrícola sen ter experiencia previa no mesmo. Pero esta definición é moi aberta e pode dar lugar a moitas dúbidas.  De novo, si, non vos imos enganar… a nós abórdannos as dúbidas case tódalas veces que coñecemos a un ou unha nova entrante!

Dentro do marco do noso proxecto, novo ou nova entrante (de agora en diante, NE) é aquela persoa que non tivo contacto co sector agrícola dentro dos dez anos anteriores e que comeza unha actividade nova coma xefe ou xefa de explotación (é dicir, que non consideramos NE a aquelas persoas que se incorporan ao sector agrícola como peóns ou traballadores por conta allea), sendo a súa actividade principal a agrícola ou gandeira, pero poden compatibilizala con outras. Non consideramos NE aquelas persoas que se incorporan a unha explotación que xa estaba en funcionamento, como podería ser a de seus pais ou avós. A idade non é un requisito ou unha barreira, senón que calquera pode ser NE teña os anos que teña.

Porén, e como xa apuntamos noutras ocasións, o concepto de novo/a entrante inda é orixe de discusión e, en moitos casos, as definicións defiren segundo as persoas ou grupos de traballo. Entre un NE ex novo e a incorporación dunha persoa que xa tiña contacto e experiencia co sector, hai un amplo espectro de posibilidades e casuísticas máis difíciles de categorizar do que podería parecer.

A comezos dos 2000 xa se comezaba a falar dunha tendencia de incorporación ao sector dos chamados ‘xoves agricultores’, pero non foi ata o ano 2016 que a UE senta as bases da definición do que sería un novo ou nova entrante na agricultura.  A EIP-Agri (Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade y sustentabilidade agrícolas), agora parte da EU-CAP Network, comezou definindo as e os NE, os modelos de negocio que adoitan levar a cabo, as oportunidades e retos aos que se enfrentan, etc. Tedes toda a información e os documentos finais aquí.

A medida que se investigaba o grupo e as distintas tipoloxías, máis NE seguían aparecendo na comunidade europea, e isto evidenciaba a necesidade de afondar na súa caracterización.

No seguinte esquema pódense ver varios itinerarios para según que perfis que son NE segundo a definición da EU-CAP Network.

 

Se queredes máis información, podedes ler este traballo de Rachel Creaney, investigadora do The James Hutton Institute, Escocia que foi  recentemente publicado (marzo de 2023).

Así, considéranse NE:

  • Persoas que creceron nunha granxa e que traballan na mesma pero que estiveron un tempo fóra e actualmente están facendo cambios, ben sexa diversificando, ben mediante outros medios innovadores.
  • Persoas que non creceron nunha granxa pero que se incorporaron a unha porque os seus socios si a tiñan. Traballan na granxa e nesta mesma están emprendendo certos cambios.
  • Persoas que non creceron nunha granxa pero accederon a unha a través dalgún familiar, e actualmente están realizando cambios na mesma.
  • Persoas que non creceron nunha granxa nin a herdaron e que traballan a tempo completo na granxa.
  • NE coma as anteriores que, en lugar de traballar a tempo completo só dedican parte da súa xornada á actividade agrícola. Pode darse o caso entón de que sexa alguén que soamente se dedique ao sector como hobby, ou que teña previsto dedicarse nun futuro a tempo completo.

Agora teremos que ver cales son os perfís aos que se axustan os e as NE en Galicia, para, a partir de ahí, traballar a prol do seu desenvolvemento!