Celebramos un webinar para compartir a nosa experiencia de traballo!

Parte do noso traballo de difusión no grupo operativo incluíu a celebración dun webinar para a presentación dos resultados preliminares destes dous últimos anos de traballo. Por iso, este mércores celebramos, da man de Slow Food Compostela, unha sesión aberta a todas aquelas persoas interesadas no noso proxecto para coñecer máis de fondo o noso traballo e algún exemplo interesante dun novo entrante no sector agrario. 

A xornada consistiu na presentación das nosas actividades e o que supón ser un grupo operativo por parte de Alicia, a nosa compañeira e técnica de coordinación e representante de EFA Fonteboa. Posteriormente, Guillermina Fernández, que colabora dende o LaboraTe, fixo unha breve introdución ás principais temáticas que motivaron a validación da nosa proposta: o envellecemento das xefaturas de explotación e o descenso de relevo xeracional no sector, que, unidos á concentración da actividade agraria en determinadas comarcas galegas e ao abandono progresivo doutras, constatan aínda máis a importancia de perfís alternativos ás persoas sucesoras das granxas familiares clásicas.

Convidamos tamén a Miguel Roig, xerente de Os Biosbardos, para que nos contara como foi a súa experiencia de entrada no sector, coas súas peculiaridades, vantaxes e sobre todo, as aprendizaxes adquiridas durante toda a etapa de consolidación do proxecto. Podedes ler máis sobre o seu proxecto na publicación que fixemos hai un tempo sobre a súa entrevista para este proxecto, así como consultar as últimas novidades (que teredes para aburrirvos) na súa páxina web e redes sociais!

Imaxe 1. Durante a presentación de Miguel. 

Para seguir, entramos na parte máis técnica da webinar, coa presentación dos nosos produtos máis importantes, as guías de acompañamento a persoas novas entrantes tanto no sector de forma xeral, coma na terra de forma específica. Os nosos produtos van dedicados especialmente, aínda que non de forma exclusiva, a persoal técnico encargado no acompañamento e aconsellamento a persoas novas entrantes. Estas inclúen, como indicou a nosa compañeira Elena López no caso da Guía e inventario de recursos de apoio ás persoas novas entrantes no sector, unha breve guía de uso da mesma, unha descrición dos roles que as entidades de acompañamento poden asumir neste, así como unha explicación das etapas que se poden seguir para un acompañamento axeitado. Nieves Pérez, pertencente ao LaboraTe, fixo unha breve introdución á guía específica de acceso á terra que, seguindo a mesma filosofía ca guía xeral, se centra especificamente no acompañamento no acceso a terras con potencial agrario. Ámbalas dúas estarán dispoñibles nesta páxina web, no apartado de resultados, unha vez maquetadas, para o cal faremos unha publicación proximamente. Seguiremos informando!

   

Imaxe 2. Durante a exposición das guías.