cocrear (en inglés co-create):
1. Facer ou inventar algo xunto con unha ou máis persoas.
Networking:
1. Actividade de busca de contactos útiles ou interesantes, en especial no entorno laboral.
Estas son, poderíamos dicir, dúas das palabras que máis escoitamos, e repetimos, durante os días 6, 7 e 8 de maio algunhas das persoas integrantes de Terractiva. Isto non é de estrañar cando se trata de falar de grupos operativos, que precisamente foi o que nos levou á Conferencia da EU-CAP Network “Innovation in practice” #OGconference, celebrada no Centro de Congresos de Estoril, en Portugal. En esencia, compartir o noso traballo, aprender do traballo doutros grupos, e inspirarnos para o desenvolvemento de novos proxectos en común.
Imaxe 1. Así se vía o hall do Centro de Congresos a pasada semana.
Aconteceu paralelamente a entrega de premios #EIPagriAwards24 a grupos operativos innovadores desenvolvidos nos últimos anos en 6 diferentes áreas temáticas e de traballo. Solo esta figura permitiu superar xa os 3400 proxectos en todo o continente, polo que ben podedes imaxinar como de cargadas de ideas traemos as cabezas.
Imaxe 2. Por suposto, deunos tempo a algún pequeno paseo entre Cascais e Estoril coas compañeiras do GO Lanirina.
Queredes un pequeno repaso de todo o que aconteceu? Pois aquí vai parte da nosa experiencia.
Como representantes do grupo, unha vez máis e como xa tiveramos a oportunidade de facer na Cross-Visit a Toscana, asistimos EFA Fonteboa e o noso activísimo colaborador Sergio Boado Seoane de Granxas de Lousada, inda que pronto nos atopamos con moita representación galega, como persoal do Campus Terra da USC e mesmo ao noso compañeiro Alfonso Ribas da Fundación Juana de Vega, representando ao Grupo Operativo DIXITEGA.
Imaxe 3. A representación galega en Estoril, incluída parte de Medrar.
Na primeira xornada da conferencia tiveron lugar as visitas de campo a través das cales diferentes grupos operativos demostraban o seu traballo nas seguintes áreas temáticas:
- Fruticultura – en concreto polinización, fertilización e manexo.
- Agroforestal - restauración de áreas degradadas e fertilización.
- Horticultura e cereais - saúde humana e animal, saúde do solo e manexo da auga.
- Viticultura - manexo de nitróxeno e poda mecánica.
Podedes atopar toda a información sobre as visitas e os grupos operativos relacionados aquí.
Imaxe 4. Na visita de campo 3 en Quinta da Cholda.
Durante a segunda xornada seguiu cobrando inda máis sentido a segunda palabra definida ao principio deste artigo, nun reto ao que nos sumamos sen dubidalo. Tanto TERRACTIVA como DIXITEGA tivemos a oportunidade de dar a coñecer os nosos proxectos a través dun stand no hall do centro de congresos. Un total de 85 grupos operativos de todo o continente, centrados en temáticas coma a adaptación e mitigación do cambio climático, o benestar animal, a dixitalización, etc., déronse así a coñecer durante varios momentos do día especialmente reservados para o intercambio de experiencias e coñecemento.
Imaxe 5. Un momento na presentación do desglose actual dos grupos operativos, por Hugo Almeida. Podes descargar aquí a súa presentación.
Esa mesma mañá asistimos a dous debates paralelos constituídos por persoas procedentes de múltiples partes do sector, dende produtoras a investigadoras pasando por axentes da administración de diversos países membros. Debatíronse diferentes perspectivas de como os grupos operativos poden ser unha ferramenta útil para atallar as necesidades de áreas rurais e os sectores agrícola e forestal, facendo especial énfase nos proxectos deseñados de abaixo a arriba, coas e cos produtores como piar e base fundamental na proposta e posta en marcha de ideas innovadoras.
Imaxe 6. Nun momento do debate.
A tarde rematou coa entrega dos premios aos sete grupos operativos gañadores, un por cada temática específica e o sétimo elixido polo público.
Podedes atopar máis información aquí (webs da EU-CAP Network e da Rede Rural de Portugal).
Imaxe 7a. Antes de entrar aos premios. Imaxe 7b. As persoas representantes dos GO gañadores.
Malia todo, o último día foi o máis intenso en canto a carga de traballo. A xornada comezou con un repaso de como a PAC foi adaptándose ao longo do tempo ás diferentes necesidades da sociedade grazas ao desenvolvemento de distintos proxectos en diferentes niveis e temáticas, por parte de Mario Milouchev, Director de Plans Estratéxicos da PAC, e de Carlotta Valli, especialista de Bip Group en análise económica do sistema agroalimentario.
Posteriormente repartímonos en sete grupos de traballo baixo distintas temáticas relacionadas co desenvolvemento de grupos operativos, dende a idea ta os resultados dos proxectos e a súa diseminación incluso unha vez rematados. Para cada grupo de traballo, a dinámica consistía na presentación dun exemplo a través dun grupo operativo e outra presentación dalgún proxecto e/ou entidades traballando nas temáticas tratadas. Estes grupos clasificáronse segundo as seguintes cuestións:
1. Como dar forma a unha proposta de grupo operativo a partir dunha idea innovadora? Traballouse sobre como se poden desenvolver ideas dende a base do sector, dende a experiencia en primeira persoa do persoal que traballa en sistemas agrícolas e agroforestais; tmén sobre a importancia de ter un grupo cohesionado e complementario; sobre como se pode preparar de forma efectiva unha proposta de GO; e sobre como os servizos de apoio e innovación poden axudar cos seus servizos no desenvolvemento destes proxectos.
2. Como asegurar un desenvolvemento adecuado do proxecto? Este grupo de traballo centrouse na importancia da figura da persoa facilitadora, crucial para manter un grupo cohesionado, sendo unha entidade ou persoa na cal poder confiar, con aptitudes comunicativas e administrativas.
3. Asegurar que, mediante a participación activa das persoas responsables a nivel agrario e forestal (farmers, foresters) e de principio a fin en cada proxecto, estas se vexan beneficiadas polos mesmos. É dicir, como se pode fomentar a participación destes perfís, e cales poden ser as súas expectativas e beneficios?
4. Como o ambiente de apoio aos grupos operativos debe ser ao longo dos proxectos? Discutiuse como as autoridades a cargo da concesión dos proxectos e seguimento dos mesmos poden facilitar os procesos aos grupos solicitantes.
5. Como se pode compartir os resultados para unha óptima aplicación dos mesmos durante o desenvolvemento e ao finalizar o proxecto? Discutiuse dende como mellor compartir os resultados, de se estes contan coas verdadeiras perspectivas das persoas interesadas e de como despois se aplican na realidade.
6. Os grupos operativos como fonte e receptores de inspiración e ideas innovadoras a través doutros grupos e outros proxectos coma Horizonte Europa.
7. O desenvolvemento de grupos operativos transnacionais (unha figura moi esperada e moi comentada ao longo dos tres días). Discutiuse cales serían as necesidades e/ou diferencias dos grupos internacionais, como nos podemos imaxinar ditos proxectos e como debería asegurarse o seu éxito.
Imaxe 8. Nunha actividade moderada por André Vizinho.
No noso caso tivemos a sorte de poder amosar a nosa experiencia no grupo de traballo 5, sobre como compartir os resultados do proxecto durante e tras o desenvolvemento do proxecto (Podedes descargar a través das seguintes ligazóns a nosa presentación e a do proxecto FarmBook, presente tamén no workshop 5). Foi moi interesante coincidir coas persoas participantes en moitos dos aspectos importantes neste senso, como a complementariedade entre as entidades parceiras, tendo moi presentes tanto a experiencia en campo como a transferencia de coñecementos a nivel educativo, tanto formal como informal, e tamén a experiencia de entidades de acompañamento e innovación.
Imaxe 9. Non hai dúbida de que as mesas eran de traballo.
Nestes tres días compartimos infinidade de información a múltiples escalas, de ferramentas para o seu emprego en moitos aspectos dos nosos proxectos, de experiencias e ideas innovadoras, desenvoltas noutros países ou que inda están por emerxer, e que se poden adaptar a cada territorio e a cada sociedade.
Sen dúbida esperamos volver participar en todas aquelas actividades que, coma esta, permiten coñecer outras perspectivas e visións deste tipo de proxectos, abrir os ollos ao resto de propostas ao largo e ancho do noso continente, e contemplar con ilusión as ideas a potenciar de cara ao futuro cuns obxectivos comúns pero tan propios coma a nosa identidade.
Imaxe 10. Representando Terractiva no stand concedido.
Podedes atopar moita máis información na páxina web da conferencia, incluídos os materiais como as presentacións, na web dos premios, onde se inclúe toda a información dos GO nominados e incluso a gravación da ceremonia, así como nas redes da EU-CAP Network.