Hoxe traémosvos a historia dun dos nosos colaboradores máis activos. Sergio Boado é o titular de Granxas de Lousada, unha sociedade que, xunto coa toda a súa familia, comeza a andar no ano 2012 no concello de Irixoa.

Imaxe 1. Sergio coas súas vacas. Fonte: web.
Se preguntas a Sergio a que se dedica, pode que lle leve uns cantos minutos contestar. A resposta non sería tan complicada se tivera que dala outra persona, pero no seu caso sabemos que lle gustaría responder de xeito meditado, matizado, e nunca da mesma maneira ca outra vez anterior ou futura. Sergio é técnico en construcción en madeira de formación, pero aprendiz de granxeiro de vocación. Que se defina como aprendiz non é algo fortuito: Sergio considérase en constante formación, e non é para menos tendo en conta todas as actividades que se desenvolven baixo o nome de Granxas de Lousada. Pronto comprenderedes por que tampouco é casual que o nome que Sergio e a súa familia deran ao seu proxecto comezara por Granxas, en plural, e non lle deran o nome de Granxa como normalmente.
A razón de que Sergio sexa un dos nosos colaboradores é o seu afán diversificador e a súa experiencia en acceso a terra agrícola allea á súa unidade familiar. Sen previo contacto co sector, no ano 2005 fíxose coa titularidade da granxa dos seus sogros, unha pequena explotación leiteira con 9 vacas. Porén, esa non era a súa actividade principal por aquel entón, xa que Sergio se dedicaba á construción en madeira. E é a partir de aquí cando se comeza a xestar a “Granxas”.

Imaxe 2. Fonte: web.
Ao comezo, Sergio e Dolores, a súa muller, decidiron apostar por facer o cambio a vacún de carne, xa que ambos traballaban fóra da casa. A Sergio sempre lle interesara a produción de porcino, e decidiu apostar polas razas autóctonas incorporando unha parella de porco celta para consumo propio.
Imaxe 3. Fonte: web.
Cando Dolores se incorpora, no ano 2012, aumentan a superficie e deciden apostar pola horta tamén. No ano anterior xa comezaran coa certificación ecolóxica para as terras coas que contaban. Dende aquela triplicaron a superficie certificada ata alcanzar as 30 hectáreas. Conta con terras en propiedade pero tamén cedidas e en aluguer.

Imaxe 4. Dolores. Fonte: IG.
Actualmente contan cun total de 15 vacas da raza asturiana de los valles manexadas baixo pastoreo, as cales escolleron pola súa docilidade; ademais contan tamén con galiñas para ovos, un pequeno rabaño de ovellas e outro de cabras, abellas, e os porcos anteriormente mencionados.
No tocante á horta, producen tanto hortalizas de inverno coma de verán, así como trigo e millo corvo, tamén para consumo humano.

Imaxe 5. Parte da produción de horta e millo. Fonte: IG.
Quizais Sergio xa vos sone dalgunha publicación coma a da nosa viaxe á Toscana, á que non dubidou en vir e da cal puidemos extraer moitas aprendizaxes e coñecernos mellor. Nas presentacións destas xornadas, Sergio definiuse como un activista do rural, e non é para menos (!): Sergio forma parte do Sindicato Labrego Galego, da Rede Galega de Sementes e é vogal do pleno do CRAEGA.

Imaxe 6. Sergio na visita a Toscana. Fonte: propia.
Todo isto, isto é todo, que nós saibamos,…
Se queredes descubrir máis sobre Granxas de Lousada, podedes visitar as súas redes sociais (IG, FB) e web, achegarvos a facer algunha visita ou mesmo coñecer esta familia nalgún mercado en Betanzos e A Coruña!




