II Taller de traballo: Grupos de Desenvolvemento Rural

Os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) son entidades de traballo a nivel local que se encargan de levar a cabo proxectos non só relacionados co sector primario senon tamén cunha visión multisectorial moito máis amplia para tratar de apuntalar proxectos e iniciativas viables no noso territorio. Así, tratan de apoiar empresas de corte produtivo pero tamén outro tipo de proxectos como aqueles centrados na dotación de servizos e equipamentos. Por iso, á hora de apoiar ás persoas novas entrantes no sector agrario, estas entidades son fundamentais no ofrecemento dunha visión amplia e diversificada, podendo apoiar aos novos proxectos tanto no seu nacemento como na súa aposta por actividades complementarias á produción primaria.  

Dende Terractiva cremos que o persoal técnico destas entidades ten moito que dicir, posto que temos a seguridade de que moitos deles xa teñen recibido consultas por parte de persoas novas entrantes na súa busca por alternativas ás súas ideas ou a proxectos xa iniciados. Ademais, estas entidades, xunto con outras como cooperativas e outras entidades de economía social, entidades locais, asociacións do ámbito agroforestal, entre outras, poden ter a condición de entidade colaboradora coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e ofrecer servizos de intermediación e acompañamento, tal e como indica o Artigo 17 da LEI 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, este martes reunímonos nas instalacións do CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario de los Paisajes Atlánticos Culturales), na Cidade da Cultura de Santiago, para compartir coñecemento, experiencias e opinións e poder plasmar os resultados nos nosos produtos, tratando de, ante todo, obter unha ferramenta útil para o desenvolvemento do seu traballo que permita aumentar a taxa de éxito destes novos perfís.  

Imaxe 1. Durante un momento da presentación do proxecto. 

Este é o segundo taller desenvolvido no marco dos obxectivos do noso GO, tras un primeiro taller co persoal técnico de cooperativas, e que se complementará con un terceiro taller de traballo ao carón do persoal técnico das Oficinas Rurais (as antigas Oficinas Agrarias Comarcais, ou OACs) dependentes da Consellería de Medio Rural que terá lugar a vindeira semana.  

O día 18 de xullo celebraremos tamén un Webinar de presentación do noso proxecto, co que poderedes saber máis do noso traballo, os nosos obxectivos e resultados, e coñecer máis de cerca algunha experiencia real. Podedes unirvos a través desta ligazón. 

Imaxe 2. Cartel co programa. 

 

 

Xornada de formación: I Taller do GO Terractiva

Unha parte moi importante do desenvolvemento de ferramentas prácticas é, aínda que poida parecer moi redundante, poñelas en uso. Para iso, o pasado 18 de xuño presentamos o “Primeiro Obradoiro do Grupo Operativo Terractiva”. Dito evento foi hospedado pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) na súa sede de Santiago de Compostela e tivo unha duración total de tres horas. Esta actividade informativa e formativa estivo dirixida principalmente a persoal técnico, socios e directivos de cooperativas.

Así, a xornada comezou cunha moi breve presentación do Grupo Operativo, seguida dunha definición e aclaración do perfil dos novos entrantes no sector agroalimentario. Por último, presentáronse as Guías elaboradas polo Grupo e aclarouse como deben utilizarse.

Dende Terractiva seguiremos divulgando o noso traballo, proxecto e misión con máis actividades programadas para este mes de xullo e principalmente o vindeiro mes de setembro.